Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Partidos e movementos intensifican a oposición ao TTIP

14/09/2014
By

ttipeeuueueA Comisión Europea rexeitou esta semana unha proposta para realizar unha Iniciativa Europea Cidadá contra o Tratado de Libre Comercio e Investimento entre Estados Unidos e a Unión Europea (TTIP) que se negocia en segredo dende o verán de 2013 e que ameaza os dereitos sociais e laborais existentes en Europa. A Comisión argumentou que este tratado (ou a oposción a el) quedan fóra das competencias que poden atinxir as Iniciativas Cidadás Europeas. A iniciativa fora presentada por unha alianza de máis 230 movementos sociais, sindicais e organizacións cidadás, de 20 países europeos.

A resposta da Comisión era esperada, pero mesmo así suscitou unha dura crítica por parte destas organizacións, que sinalaron que “a decisión da Comisión Europea é escandalosa. Estes tratados comerciais xa se enfrontan á oposición sen precedentes pola súa opacidade, pero agora négasenos mesmo o dereito de petición. O que amosa o carácter antidemocrático das institucións da UE que só representan o poder económico e financeiro”.

Esta Iniciativa Cidadá Europea debería recoller un millón de sinaturas de sete ou máis Estados da UE para forzar a Comisión a responder formalmente á solicitude e a realizar unha audiencia pública no Parlamento Europeo. O temor a que este proceso fixese público o que agora se negocia en secreto, a Comisión decidiu rexeitar a petición. Porén, a negativa da Comisión serviu para darlle azos a unha xa de por si intensa campaña de mobilizacións que preparan estes colectivos, entre os que destacan Attac, os principais sindicatos do continente e os 33 partidos que compoñen o Partido da Esquerda Europea. AGE, Podemos e BNG xa amosaron en varias ocasións a súa frontal oposición ao tratado.

O vindeiro 11 de outubro está convocado un Día Europeo de accións para parar os acordos TTIP, con mobilizacións en todos os países da UE. Están xa convocadas manifestacións en Madrid e Barcelona. A este respecto, a campaña Non ao Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento, apoiada por organizacións sociais e políticas de todo o Estado, manifestou esta semana que “a oposición e o poder popular non lle temen ao poder corporativo nin ás institucións da UE. Imos loitar en contra desta decisión, e imos derrotar estes acordos comerciais”.

A aprobación do TTIP pode supor na práctica unha maior liberalización de decenas de sectores na UE, que ten unha normativa en xeral máis esixente que en EEUU, e abre a porta a un maior poder das empresas privadas. Un editorial do European Journal of Public Health foi moi claro ao advertir da ameaza deste TTIP para importantes aspectos dos principios e proteccións existentes na saúde pública: desde o acceso aos medicamentes esenciais e aos servizos sanitarios ata o control e regulación do sector da alimentación e dos produtos sanitarios. A converxencia regulatoria da UE cos EUA achegaría Europa ao modelo estadounidense, onde predomina a libre comercialización de produtos ata que a evidencia científica non demostre que é nocivo. Mentres, na UE, o que domina é o principio de precaución. Algo semellante ocorrerá na lexislación laboral, xa que, de consumarse este Tratado, acabaríase por rebaixar a protección dos traballadores.

Fonte: http://praza.gal/movementos-sociais/7810/partidos-e-movementos-intensifican-a-oposicion-ao-ttip/


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!