Pequena guía dos tratados de libre comercio que che queren coar
Florent Marcellesi e Ska Keller
As siglas abundan (TTIP, TISA, CETA, EPA, etc.), a información escasea, pero o molde ideolóxico é o mesmo
¿Coñeces os tratados de libre comercio que se están a negociar e que te van afectar? Son moitas siglas (TTIP, TISA, CETA, EPA, etc.) e pouca información, pero un mesmo molde ideolóxico. Nesta pequena guía e nun vistazo, presentámosche os seus contidos, consecuencias e relacións entre eles. Abrocha o cinto.
TTIP: Polas súas siglas en inglés, significa Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións. Dun xeito simple, é un proxecto para establecer unha zona de Libre Comercio entre a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos (EEUU). É un perigo democrático, social e ecolóxico.
Ante todo é un perigo democrático: estase a negociar de forma opaca e de costas á cidadanía. Ademais é totalmente ilóxico negociar cos EEUU mentres non se teña solucionado a espionaxe da Axencia de Seguridade Americana a millóns de cidadáns europeos.
Por outra banda, o TTIP ameaza gravemente o noso modelo social, servizos públicos, agricultura ou propiedade intelectual. De aprobarse, suporía por exemplo que se puidesen comercializar alimentos ou transxénicos hoxe en día prohibidos en Europa por considerarse nocivos para a saúde ou o medioambiente. Todo isto sen nin sequera crear emprego e riqueza para a cidadanía (¡45 euros anuais por fogar europeo!).
Por último, o TTIP quere poñer en marcha un mecanismo de arbitraxe para resolver desencontros entre Estados e empresas. Este cabalo de Troia das multinacionais permitiría por exemplo que un Estado teña que indemnizar a unha empresa por prohibi-lo fracking no seu territorio.
TISA: O Acordo sobre Comercio de Servizos (Trade in Services Agreement en inglés) estase a negociar dun xeito nada transparente desde xullo do 2013 por parte do grupo chamado, e non é brincadeira, “os moi bos amigos dos Servizos” (composto por EEUU, UE e outros 20 países). O tratado ten como obxectivo a liberalización dos servizos e o seu ámbito é moi amplo: emprego, transporte, comunicación, datos, servizos legais, subvencións agrícolas, educación, saúde, refugallos, subministro de auga, distribución de enerxía e comercio dixital. É unha ameaza real para os servizos públicos como a saúde e a educación, e pode tamén implicar unha maior liberalización dos mercados financeiros.
Parece que xa esquecemos as leccións aprendidas da crise financeira: a ideoloxía neoliberal renace das súas cinzas. De feito, o tratado é potencialmente tan ou incluso máis perigoso que o TTIP. Conterá cláusulas que non permitirán impor mellores estándares lexislativos ou regular de novo un sector que previamente xa foi liberalizado. A democracia está en perigo dado que a cidadanía xa non pode decidi-lo grado de regulación que desexa.
CETA: O Acordo económico e comercial mundial con Canadá (Comprehensive Economic Trade Agreement en inglés) é o irmá pequeno do TTIP. De feito, moitos consideran que é un globo sonda para o TTIP, xa que contén cláusulas moi similares. O seu contido xa foi filtrado e confirma a maioría dos medos que se tiñan. O CETA contén un mecanismo de arbitraxe entre inversores e Estados que creará un sistema extra-xudicial para demanda-las decisións democráticas dos parlamentos. Permitirá ademais a entrada de moita carne de res e de porco ó mercado europeo e non queda en absoluto claro como se garantirá que estas importacións estean libres de hormonas.
O CETA porá o foco tamén na liberalización dos servizos. Farao empregando unha “lista negativa”, o que significa que liberalizará tódolos servizos que non estean incluídos nunha lista de excepcións. Un dos problemas que desde logo non foi debatido é o impacto do CETA (pero tamén do TTIP) sobre as diferentes economías europeas. Os países con economías máis baseadas na exportación chegarán mellor preparados que os países co desenvolvemento centrado máis no consumo interno. Os países do Sur de Europa non se adaptarán a estes tratados de forma tan sinxela como Alemaña por exemplo e perderán competitividade.
AAE (ou EPA segundo as súas siglas en inglés): Son os Acordos de Asociación Económica negociados entre a Unión Europea e países de África (do oeste, subsahariana, austral, etc.) ou pequenas illas do Pacífico. O seu obxectivo é suprimi-lo 75% dos dereitos de aduana sobre as importacións procedentes da UE e de limita-la súa política comercial máis alá das esixencias da Organización Mundial do Comercio (OMC). Prexudicará primeiro ós países africanos. A súa agricultura tradicional e de autoconsumo, a súa seguridade alimentar e desenvolvemento rexional veranse golpeados de cheo por unha competencia europea desleal, destrutora de empregos e por unha dependencia dos mercados mundiais e dunha economía enfocada á exportación. Ademais da pillaxe programada dos seus recursos naturais e subsolo, dará pé a unha migración masiva nunha situación onde a poboación do Oeste de África medrará un 70% en 15 anos e nun contexto de quecemento climático particularmente acentuado nesta rexión.
Os europeos non teñen nada que gañar tampouco. Este acordo vai favorecer unha agricultura máis productivista, contaminante e pouco intensiva en empregos, en detrimento das políticas de agricultura sostible, de soberanía alimentar e de transición industrial ecolóxica.
As negociacións da OMC: A Organización Mundial do Comercio, da que son membros case tódolos países, foi creada en 1994 cunha axenda clara: liberaliza-lo comercio mundial. Pero desde 2001 a OMC está atascada por desacordos internos: os países menos industrializados e os máis empobrecidos queren que os seus produtos agrícolas cheguen ós mercados dos países enriquecidos. Sen embargo, os países do Norte bloquean a chegada destes produtos, o que impide o desenvolvemento dos países de orixe.
Desde o parón das negociacións, a UE e os EEUU, entre outros, promocinaron tratados de libre comercio fora do marco da OMC, moitos dos cales se describen máis arriba. Obxectivo colateral: premer ós países do Sur para que fixeran concesións nas negociacións da OMC. E funcionou: en Balí en 2013 a OMC chegou a un acordo para facilita-lo comercio mundial. Incluíu que India suspendera os seus programas de apoio alimentar para os máis desfavorecidos. Sen embargo, o novo goberno indio non quixo abandonar ós 400 millóns dos seus cidadáns que viven con menos de 1,25 dólares ó día e non estaba pola labor de renunciar a esas axudas. ¡Unha boa decisión!
É posible e altamente necesario parar estes tratados e construír alternativas. Dependerá da capacidade de presión e mobilización cidadá, social e política a nivel local, europeo e mundial. Por exemplo ¿que che parece se o 11 de outubro sumamos forza do Día Europeo de accións para para-los acordos TTIP, CETA e TISA. ¿Apúntaste?
Fonte: eldiario.es