Permisos para o “fracking” e menos protección ambiental
O debate arredor do aprovisionamento enerxético é outro punto chave do TTIP. As discusións céntranse especialmente sobre a técnica de adquisición de gas a través do fracking, fracturación de rocas a grande profundidade coa axuda de auga a presión con compoñentes químicos que permiten liberar e recolle-lo gas. Estados Unidos quere levanta-las prohibicións, moratorias ou restricións sobre a fracturación hidráulica.
“O documento que se filtrou das negociacións revela que a Unión Europea solicita que se aumenten as exportacións co fracking desde Estados Unidos, que ata hoxe non exporta gas porque ten moitos impedimentos burocráticos para facelo” conta Luis Rico, portavoz da campaña Non ó TTIP de Ecoloxistas en Acción. “En Europa, onde o fracking non se autoriza grazas ó principio de precaución, tememos que se se ratifica o TTIP e se homologaran as normas xeraríase un dano ambiental notable, en contraste coas políticas europeas contra o cambio climático”.
Por outra banda, os partidarios do TTIP din que este é un punto de fricción do tratado que está aínda en plena negociación, da mesma maneira que se negocia o desenvolvemento dunhas políticas ambientais conxuntas.
Do mesmo xeito que o acordo favorecería a entrada en Europa de alimentos tratados con substancias hoxe prohibidas, a supresión de regulacións ambientais impediría, entre outras cousas, limita-la entrada de combustibles moi contaminantes, como as areas bituminosas ou o gas de esquisto. Para os ecoloxistas, o TTIP porá en risco moitos logros sociais e ambientais europeos.