Que é a Educación?
A educación é o feito plural a través do cal se transmiten coñecementos, valores e costumes, a partir de accións e actitudes que existen nunha sociedade e cultura determinadas.
Cales son as cifras globais da educación no planeta (segundo a UNESCO)?
–61 millóns de nenxs en idade escolar non asisten á escola.
–Masificación das aulas: Por exemplo en República Centroafricana hai 1 mestrx por cada 84 alumnxs e en Malawi 1 por cada 79 alumnxs.
–Falla de medios: hai rexións do mundo, como na Provincia Nororiental de Kenia que só o 8% do alumnado dispón de libros de texto.
-Son moi numerosos os países nos que os docentes teñen que completar o seu salario con outro traballo.
-En 2012 existen 775 millóns de persoas analfabetas. Case dous terzos son mulleres. A maioría concéntrase en Asia e África.
–No mundo fan falla 6,8 millóns de docentes.
-O 38% dxs nenxs africanxs e o 47% dxs de Asia Meridional están moderada ou gravemente desnutridxs (en África morreron 3,8 millóns de nenxs antes de cumprir os 5 anos), o que afecta ao seu desenvolvemento do cerebro e altera a estrutura cerebral.
Cales son os problemas do Sistema Educativo en Galicia?
a) Lei Orgánica para a Mellora da Calidade da Educación (LOMCE ou “Lei Wert”)
O Ministerio de Educación está intentando acelerar o proceso de implantación para que entre en vigor no curso 2014/2015. Na lei destaca:
–Carácter non democrático. Nin na elaboración (non se contou coa comunidade educativa nin con outras administracións) nin na organización (a dirección é nomeada pola administración e o consello escolar deixa de ter carácter decisorio).
–Concepción mercantil da educación. Os mercados considéranse por riba das persoas. A LOMCE non busca a formación integral dunha cidadanía, senón pezas do sistema produtivo.
–Basea a educación na exclusión e a segregación. A escola pública pasa a ser subsidiaria da escola privada a quen se lle amplían os concertos. Exclúese ao alumnado con dificultades de aprendizaxe e vulnérase a igualdade de oportunidades. Ademais permite a separación de sexos, crenzas e procedencia social que se xustifican a través da liberdade de elección e a zona única.
–Entende a educación de xeito antipedagóxico. Impón probas externas (reválidas) como control de calidade, permitindo a publicación de rankings. Vai contra a profesionalidade do profesorado que reduce a súa actividade á mera instrución, sen medios para atender á diversidade do alumnado.
b) Decreto 79-2010, un ataque frontal á lingua galega.
–Viola a Carta Europea das Linguas no artigo 8.1, pois non prevé un modelo de inmersión lingüística.
–Viola a Lei Orgánica de Educación nos artigos 9.2, 26.2 e 35.2, pois permite que o alumnado non empregue a lingua vehicular establecida para as materias.
–Viola a Lei de Normalización Lingüística no artigo 13, porque non respecta ao ensino na lingua materna; no artigo 13.2, porque diminúe por primeira vez a porcentaxe de materias en galego.
–Obriga o profesorado á insubmisión pois o decreto promove o incumprimento dos tratados internacionais e das leis establecidas.
c) Ofensiva total en contra o sistema publico.
–A Xunta de Galicia financia aos 5 centros de Galicia que segregan por sexo (4 son dunha empresa ligada ao Opus Dei) a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declara ilegais estes subsidios.
-Dende o 2009 a Xunta ten dedicado máis de 1000 millóns de euros o seu gasto aos centros privado-concertados e acaba de renovar o concerto por 942 millóns de euros para os vindeiros 4 anos.
-A contrapartida é que a Xunta suprimiu, dende que iniciou o goberno no ano 2009, 89 centros educativos aos que hai que sumar os 22 novos centros educativos que pechará este ano. O que supón 111 centros en 4 anos e medio que leva o actual goberno.
-Dende o inicio do 2013 suprimíronse ademais 1.225 docentes do sistema público, mentres se manteñen 1.000 docentes de relixión católica que son “colocadxs” polas autoridades eclesiásticas sen ningún tipo de control por parte da administración galega e sen someterse a ningún proceso público. Ademais a supresión de postos laborais implica que centos de alumnxs reciban a materia dun profesorado non especialista que ten que realizar tarefas para as que non está formadx.
-Ademais a Xunta de Galicia actual suprimiu o programa de libros gratuítos para todo o alumnado e vén de anunciar hai uns meses que espallará “o repago” nos comedores de centros públicos.
-No referente á universidade pública, os recortes implican máis de 400 investigadorxs que tiveron que deixar os seus postos laborais (coa conseguinte paralización dos proxectos de investigación), o que está a derivar ao tempo nunha fuga de cerebros. Ademais da supresión de postos de profesorado e a substitución por persoas non especialistas, o que mingua a calidade universitaria.
E ti, que podes facer?
Ti es un ente activo que fai reaccionar á contorna. Formas parte dunha sociedade sobre a cal inflúes. Debes ser consciente que ti te educas e axudas a educar ao resto das persoas que te rodean en cada situación na que participas. O teu rol debe ser reflexivo, crítico e activo. Así que podes informarte, participar e informar sobre as alternativas ao sistema convencional de educación: dende o ensino na casa aos centro educativos alternativos (Pumariños, O Pelouro, A Semente ou Meniñeirxs, son algúns exemplos galegos); así como participar nas estruturas que existen e nas que outra xente se coordina para tentar mudar a situación actual (organizacións, sindicatos, asociacións, colectivos,…) e por suposto… participa nas diferentes iniciativas e accións que se mobilizan contra un sistema educativo clasista, ilexítimo, inxusto e desigual. Así pois os vindeiros 22, 23 e 24 de outubro haberá folga xeral do estudantado e ese mesmo día 24 de Outubro a folga xeral será apoiada tamén polo profesorado, nais e pais.