Síndrome post-aborto: moralismo relixioso fronte á ciencia e os dereitos
Por Médico crítico
Hai dous anos publicamos un texto titulado “O síndrome post-aborto: unha mentira repetida mil veces…”; hoxe queremos compartir as conclusións dun texto publicado en Social Science & Medicine por Kimberly Kelly [enlace ao texto completo en inglés en Dropbox]:
Non é algo novo que os criterios sociais sobrepasen á evidencia científica en debates sobre condicións médicas. Porén, no caso do síndrome post-aborto (SPA), as proclamacións sociais e os estereotipos de xénero desbordaron unha evidencia procedente da investigación científica que, directamente, contradicía a súa existencia. As conclusións de organizacións profesionais con credibilidade víronse burladas polos activistas antiabortistas evanxélicos. As proclamas acerca da natureza innata da muller, que debuxan certos estereotipos de xénero, aínda resoan de xeito importante na poboación estadounidense de modo que o síndrome post-aborto aparece como lexítimo. As reivindicacións en torno ao síndrome post-aborto, na medida en que son tomadas en serio polas persoas que elaboran as políticas, aparecen como a resposta dos activistas antiabortistas fronte ao problema do aborto e xustifican políticas que buscan fortalecer roles de xénero tradicionais. Os defensores da existencia do síndrome post-aborto afirman axudar ás mulleres que abortaron ou ás que están considerando abortar, pero tamén están tratando de convencer ás mulleres que abortaron de que están a sufrir serios trastornos psicolóxicos á vez que lles prescriben consello cristián afeccionado – non o trato profesional que sería o recomendado para abordar un caso de síndrome de estrés post-traumático ou outras formas establecidas de trauma-. Os conselleiros afeccionados dos grupos de apoio ao síndrome post-aborto non teñen ningunha cualificación ou credenciais para levar a cabo os diagnósticos que realizan, simplemente son activistas dos centros de emerxencias relacionadas co embarazo ou investigadores da industria relacionada co síndrome post-aborto –que tampouco son médicos nin psicólogos-, non estando cualificados para emitir diagnósticos médicos.
As mulleres que están considerando someterse a un aborto están a recibir información incorrecta e inapropiada acerca dos riscos psicolóxicos do aborto, vulnerándose o seu dereito e capacidade á toma de decisións reprodutivas informadas. As visións esencialistas de xénero formuladas polos defensores da existencia do síndrome post-aborto lévanas a defender políticas paternalistas en materia de aborto que afirman “protexer” á muller das súas propias decisións. Deste xeito, a certeza amosada por activistas, investigadores defensores do síndrome post-aborto e elaboradores de políticas en relación coas demandas de recoñecemento do síndrome post-aborto non parten de información científica ou evidencia na que se pode confiar, senón de fervor moral e relixioso. Mentres que os defensores da existencia do síndrome post-aborto se alzan para conseguir os seus obxectivos políticos consistentes en limitar ou eliminar o dereito ao aborto, as mulleres atópanse nun risco real de perder a súa autonomía reprodutiva. O que os antiabortistas non puideron obter con argumentos relixiosos centrados no feto, pretenden logralo con pseudociencia enganosa.
O artigo é moi interesante e debuxa unha realidade que podemos extrapolar a diversos países. Fronte á defensa duns dereitos reprodutivos formúlase o uso da ciencia como victimización da muller e negación da súa capacidade de decisión. O corpo da muller como campo de batalla, coa relixión e a pseudociencia aliándose na súa contra.