Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Standing Rock, a última batalla dos sioux

23/11/2016
By

Standing Rock, a última batalla dos sioux

Dani Farrús

Os pobos dunha reserva sioux de Dakota do Norte, apoiados por miles de persoas, enfróntanse á construción dun oleoduto que afectará as súas terras e lugares sacros.

chemadomenech-joan_stone_camp

Protesta en el Joan Stone Camp (Standing Rock) / Chema Doménech (chemadomenech.com)

Na Reserva Sioux de Standing Rock (Dakota do Norte, Estados Unidos) está a levarse a cabo unha mobilización sen precedentes para opoñerse ás obras de construción do oleoduto Dakota Access. Mobilización que leva xa seis meses; con miles de acampados, centos de nacións tribais traballando xuntas e decenas de detidos.

A construción do oleoduto ten un orzamento de 3.700 millóns de dólares e, cando se termine, está previsto que cubra unha distancia de preto de 2.000 quilómetros, cruzando catro Estados (Dakota do Norte, Dakota do Sur, Iowa e Illinois), e que transporte 470.000 barrís de petróleo cru ao día. En principio, o oleoduto tiña que pasar pola cidade de Bismark (capital de Dakota do Norte), pero, aínda que a empresa que leva a cabo o proxecto asegura que é moi seguro e non hai perigo de accidentes ou perdas, decidiron cambiar a ruta para evitar unha zona tan habitada.

O novo percorrido pasa polo límite da Reserva Sioux de Standing Rock e por baixo do río Missouri, a súa principal fonte de auga potable, polo que o oleoduto pon en perigo as súas terras e a súa forma de vida: un accidente afectaría a auga que utilizan para beber, regar os cultivos, alimentar o gando, pescar… E contaminaría as súas terras. Ademais, aseguran que coa construción veranse afectados e destruiranse lugares sacros e cemiterios tribais.

Protexer a terra

“Este lugar é a miña terra, onde está a miña casa, os meus sitios sacros e históricos, o meu cemiterio familiar, o meu pobo, os meus lugares de cerimonias, a fonte de toda a miña auga potable. Á beira do río están enterrados os meus antepasados e o meu fillo. Se eles destruísen a tumba do teu fillo, ti non loitarías?” Son as palabras de LaDonna Brave Bull Allard, da Reserva de Standing Rock, e cuxas terras son as máis próximas ao oleoduto. Ela foi a persoa que lanzou, nas redes sociais, o primeiro chamamento de axuda.

E a axuda e a solidariedade chegaron, desbordando todos os prognósticos; convertendo esta loita nun tema de interese a nivel internacional. Unha difusión á que axudaron personaxes públicos como a actriz Shailene Woodley (protagonista da saga Diverxente), que estivo na primeira liña das protestas contra as obras. O actor Leonardo Dicaprio mostrou en Twitter a súa solidariedade cos sioux na súa loita polas súas terras e a súa auga. E o senador Bernie Sanders, que participou nunha protesta en contra do oleoduto en fronte da Casa Branca e manifestou que “o Dakota Access Pipeline ten que pararse. Téñense que respectar os dereitos dos nativos americanos. E temos que transformar os nosos sistemas de enerxía, afastándonos dos combustibles fósiles”. Posición que tamén defende a histórica activista e escritora Winona Laduke, que acudiu á zona. “Podemos pasarnos toda a vida loitando contra un oleoduto tras outro e tras outro, pero alguén ten que enfrontarse ao problema de verdade. Xa é hora de deixar atrás os combustibles fósiles?”

E do primeiro campamento, establecido o 1 de abril no Oceti Sakowin Camp de Cannonball, aos catro campamentos que hai na actualidade, onde xa se contan máis de 8.000 persoas. E sumando. “É incrible a unidade entre toda a xente que veu, de todas as nacións tribais, de grupos ecoloxistas, aliados non-nativos, xente doutros países…”, comenta LaDonna, emocionada pola resposta recibida. Moitos deles viaxaron miles de quilómetros: hai membros de centos de nacións tribais de Estados Unidos, xente de pobos de Latinoamérica, e ata hai unha representación de activistas hawaianos que cruzaron o Pacífico para estar á beira dos protectores, como a cantante Hawane Rios e a súa nai, a líder espiritual e cultural Pua Case.

Fonte: Diagonal


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!