Turismo barato, alugueres á alza e Airbnb
Pablo Fernández Fernández
Os pisos e aloxamentos ofertados na plataforma Airbnb crecen ao mesmo ritmo que a “elitización” nos barrios con maior afluencia turística.
Un grupo de mozos chega a Madrid. Buscan aloxamento nun hostal, pero, sen solicitalo con antelación, as mellores opcións xa non están dispoñibles. Entón aparece unha cómoda alternativa a través de Airbnb, a razón de 15 euros por persoa. Son cinco, 75 euros en total e un 15% de comisión para a empresa. Cando chegaron, descubriron que era unha especie de albergue, almorzo incluído, que non estaba mal.
A economía colaborativa baséase en compartir os recursos, e os seus defensores argumentan que é unha solución ao hiperconsumo. Estas prácticas, en auxe, chegaron xa a case todos os sectores: desde compartir coche a vestimenta ou comida.
Na mesma veciñanza, Juan tívose que cambiar de casa. Os alugueres da súa rúa, que, cando chegou fai sete anos, roldaban os 250 euros, agora ofértanse por 400. O seu barrio, Lavapiés, viu incrementado o prezo medio do aluguer nun 11,2%. Juan preferiu irse ao sur.
Para a Assemblea de Barris per un Turisme Sustentable (Barcelona), son fenómenos correlacionados, pois “Airbnb non propón un modelo de economía colaborativa, senón de economía especulativa, xa que se lucra a base de incrementar as rendas dos grandes propietarios, pois a maioría de anuncios correspóndelles a estes”.
Entre todas as empresas ‘colaborativas’, a que máis diñeiro ingresou foi Airbnb. Segundo un estudo da Universidade de Salamanca e Homeaway, o aluguer turístico de pisos supón o 36% das viaxes en España, focalizado nas grandes cidades, o ‘turismo urbano’. A maiores, Airbnb aposta por potenciar o ‘turismo vacacional’, de sol e praia. En Mallorca, de 2012 a 2013, o número de habitacións creceu un 550% na plataforma, ata superar as 11.000 prazas.
Segundo un estudo da patronal Exceltur, unha de cada doce vivendas está dedicada ao aluguer turístico nos principais destinos de España. O turismo no país representa en torno ao 12% do PIB e un de cada sete empregos.
Tras presentar malos números debido á crise, a partir de 2014 comezou a recuperarse, e en agosto dese mesmo ano bateuse o récord de chegada de turistas estranxeiros: nove millóns.
Durante o mesmo tempo, en España movéronse 3.000 millóns de euros en aluguer de vivendas, sobre un total de 90.000 millóns de euros en todo o mundo.
Unha cama inchable
“Cambia a industria do turismo” reza a web de Airbnb. “Xerar ingresos extra é moi sinxelo”.
Era 2008, e Joe Gebbia e Brian Chesky non tiñan suficiente para pagar o seu aluguer. Levaron a acabo unha idea, que puido ser calquera outra, e, tras poñer un par de camas inchables, ofreceron o seu apartamento para durmir.
Esa é a mentalidade que aparece reflectida na súa web: persoas de clase media, empobrecidas pola crise, que teñen a oportunidade tanto de seguir viaxando polo seu menor custo -o prezo é o principal motivo de elección de Airbnb- como de conseguir eses ingresos extra, á vez que conecta a persoas de todo o mundo.
Co éxito da plataforma, son xa 7.500 os aloxamentos que se ofertan en Madrid: un 37% son habitacións privadas e un 1,4%, compartidas. E o 61,6% restante? O piso completo.
A páxina web Insideairbnb, que analizou os datos da plataforma, diferenza entre os pisos “de alta dispoñibilidade” -dispoñibles máis de 90 días ao ano- e os que non. Os primeiros deixarían de ser “ingresos extra” e serían, na práctica, unha actividade profesional.
En Madrid e Barcelona estes pisos son case o 90% do total, mentres que en Mallorca a case totalidade, o 97,5%. Hai un ano, en San Francisco naceu a ‘proposición F’: limitar a un máximo de 75 días por ano a posibilidade de alugar unha vivenda. A iniciativa votouse en referendo, no propio fogar de Airbnb. Finalmente, o ‘non’ gañou cun 55% dos votos, oito millóns de dólares de campaña publicitaria mediante.
Unha das críticas que recibe Airbnb é que, para ofrecer unha vivenda, hai que ser responsable da súa xestión, non o seu propietario, polo que se incentivarían os alugueres destinados a ser ofrecidos na start-up. De acordo coa web, máis da metade dos anfitrións ofertan máis dunha casa. A que máis ten en Madrid, “Raquel”, nome da empresa Friendly Rentals, chega a 124.
Elitización residencial
É certo que a industria do turismo está a cambiar. Desde que puxeron as camas inchables, fai oito anos en San Francisco, por AirBnb pasaron 60 millóns de hóspedes e 34.000 casas. E 140 castelos.
O céntrico barrio madrileño de Lavapiés é unha zona de corralas. De patios interiores, escasa planificación, fachadas deficientes e moita comunidade, estranxeiros representantes do multicultural e persoas maiores representantes do castizo.
Agora, moitos estudantes universitarios pasean pola rúa principal de Argumosa. Se existise un papel cos nomes dos propietarios dos locais da vía, veriamos moitos inquilinos novos. Abríronse galerías de arte, barberías. Cambios recentes pero non novos. A sección de Embaixadores de Airbnb, unha das rúas que atravesa o barrio, é a de máis oferta da cidade: 1.107 habitacións, a maioría pisos completos. Mentres, nos barrios periféricos apenas hai oferta. Se a hai, son habitacións privadas.
A elitización residencial non se inicia coa chegada masiva de turistas, senón moito antes. “A mediados dos 80 iniciouse un longo proceso de mellora que foi atraendo cada vez máis a novos residentes procedentes doutros barrios nun constante e sostido proceso de elitización”. Coñécese como elitización o proceso de transformación dunha comunidade polo cal as clases baixas son desprazadas do barrio por clases media-altas.
Na Ciutat Vella de Barcelona hai 3.500 aloxamentos. Deles, 1.035 son do barrio Gótico e 1.223 do Raval. As características en Madrid e Barcelona son similares: concentración en barrios céntricos, menos veciños empadroados e prezo do aluguer á alza.
Patronal contra Airbnb
“O maior risco para o negocio hostaleiro mundial”, dixeron representantes de Melià. “É competencia desleal”, lamentáronse desde as oficinas de NH. As grandes cadeas hostaleiras claman por regular as operacións de Airbnb, que, co seu modelo, ten dous millóns de habitacións. Marriott, o grupo hostaleiro máis grande do mundo, supera apenas o millón.
Exceltur, a patronal que integra a Meliá, NH, Globalia ou Iberia, lanzou unha gran campaña contra Airbnb. Nun informe do ano pasado, que encargaron a EY España, afírmase que o impacto económico do turismo de aluguer é ostensiblemente menor que “o regulado”, pois os visitantes gastan menos e as contribucións impositivas son tamén menores.
Segundo o estudo, a exención de IVE supón a perda de 367 millóns de euros anuais. Doutra banda, fai mención tamén á subida de prezos dos barrios, pois “encarece o prezo da vivenda, expulsando gradualmente á poboación residente desas zonas”.
Con todo, un informe da consultora STR publicou que só un millón de habitacións de Airbnb (menos do 50%) entraría en competencia directa co sector hostaleiro, restando aquelas prazas que non se ofertan todo o ano e as de modalidade moi concreta (castelos, casas en bosques…).
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia situouse xunto á economía colaborativa, e en 2014 publicou un informe en contra dunha “potencial” excesiva regulación do sector. Avoga por reducir os requisitos para emprender a actividade e así “eliminar a burocracia”.
Cando a Comunidade de Madrid regulou a actividade a petición dos hostaleiros, a CNMC levou ao Tribunal Superior o decreto polo cal se impedía a oferta de propiedades por estancias inferiores a cinco días (a reserva media era de 3,2 días).
A pesar da ratificación desta medida, a Unión Empresarial pola Promoción Turística de Madrid, en contra de plataformas como Airbnb, considerouno “laxo e permisivo”, afirmou que destruiría o 20% dos empregos no sector e pediu que a regulación se endurecese. Non fixo falta, o TSJM deu a razón á CNMC e AirBnb, e devandito artigo foi eliminado.
Barcelona e o turismo
“Este é un hotel Airbnb ilegal. Airbnb forza a saída de residentes locais. Ciutat Vella non está en venda”, colga unha pancarta en Barcelona. Un dos argumentos da patronal en contra de Homeaway ou Airbnb é que “favorecen a economía mergullada”. Desde o Consistorio da Cidade Condal, Gala Pin, responsable do distrito de Ciutat Vella, dixo que “o barrio Gótico perdeu un 40% de poboación autóctona”. Os alugueres do barrio subiron un 6%.
Así, Barcelona preparou un plan de choque contra as persoas que ofrecían vivendas sen licenza, incluíndo un portal web no que denunciar pisos ilegais.
Só no primeiro mes houbo sancións de peche en 256 apartamentos.
Na Plataforma prol-Vivenda Turística destacan que “en Barcelona non se pode xestionar legalmente un piso turístico, pero en cambio si se pode comprar unha leira enteira ou abrir un novo hotel”.
O aluguer en España supón o 30% do réxime de vivenda, o aluguer social o 1%. Neste contexto, os distintos actores séguense disputando o futuro das actividades colaborativas e do turismo.
Fonte: Diagonal