Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Xaneiro: Que son os servizos públicos?

25/01/2013
By

Os servizos públicos son aqueles que a organización social institúe atendendo as súas necesidades fundamentais, por exemplo, educación, sanidade, transporte, acceso á cultura, finanzas,… Un servizo público debe ser de acceso universal, igualitario, de calidade e baixo a xestión da comunidade. Para que isto sexa posible os custos do servizo deben ser asumidos polo conxunto da cidadanía solidariamente. Estes servizos dos que gozamos hoxe son froito dun proceso de loita de xeracións, que buscaron paliar as desigualdades sociais do sistema capitalista.

 

POR QUE SE PRIVATIZAN ESTES SERVIZOS?

2

Dende fai moito tempo os servizos públicos están a ser atacados por uns gobernos que foron virando deica posturas neoliberais cada vez máis fortes. Actualmente, vivimos unha agresiva ofensiva do capital contra o estado social. A mentira neoliberal quere facernos crer que é preciso un “estado lixeiro”: hai que privatizar, pois o “mercado” xestiona con máis eficiencia que a administracións pública. Isto é mentira, pois coa privatización os prezos estarán ligados non so ao custe do servizo, senón tamén á necesidade de xerar beneficios. Asumir aquela postura neoliberal levaranos cara a perda das conquistas sociais que supoñen os servizos públicos, coa conseguinte degradación da nosa calidade de vida. En realidade o que buscan é beneficiar ao sector empresarial privado mediante a entrega das partes do sector público que considera máis rendibles, e a facilitar a baixada de impostos ás clases altas e grandes empresas pola desaparición da necesidade de soster un sistema público.

 

PROCESOS DE PRIVATIZACIÓN ACTUAIS

3

Coa legalidade actual, o estado debe garantir a calidade e o abastecemento da auga, cousa que non sucede xa que existe unha xestión privada que ten o lucro como obxectivo primordial, por riba das necesidades da sociedade. A forma habitual de privatización no estado español é a concesión, por entre 20-30 anos, a unha empresa privada ou mixta a cambio do pago dun canon que a empresa amortiza na factura que lle pasa aos usuarios. O auga segue a ser pública, pero a súa xestión é privada. O resultado é unha subida desproporcionada do prezo da auga e a perda de transparencia na xestión do recurso, pois con esta fórmula os poderes públicos perden a súa capacidade de control sobre a empresa concesionaria. Actualmente o proceso de privatización do auga está a acelerarse, pois unha vez desaparecida a burbulla inmobiliaria, os concellos xa non poden especular co chan e recorren á venta da auga para obter liquidez. Unha auga que, é importante lembrar, xa estivera totalmente privatizada no s.XIX, ata que o estado decidiu controlar o seu saneamento e abastecemento pola incapacidade da xestión privada para garantilo. Outro sector público en perigo é a sanidade. Estase a privatizar a xestión de servizos sanitarios, lévanse a cabo medidas coma a introdución dun imposto sobre e enfermidade, chamado copago, premeditadamente estase a empeorar a calidade do servizo público, reducindo o gasto público, co obxecto de que a xente recorra á privada ou a servizos de asistencia benéficos. É un sistema pensado para beneficiar a aseguradoras, banca e empresas de xestión sanitaria. Para levar a cabo o estrangulamento dun servizo que goza dun altísimo grado de aceptación coma é a sanidade pública, os gobernos neoliberais fomentan a idea de que esta non é sostible, facendo culpable á xente de abusar dos servizos sanitarios. En pouco tempo, as consecuencias dos recortes provocarán un rápido cambio de modelo: non é o mesmo orientar a política sanitaria cara a atender a quen o necesite e onde o necesite que planificala para obter rendemento económico; cerrando centros de saúde “porque non son rentables”, sobrecargando ó persoal sanitario “para que sexa máis produtivo”, reducindo a oferta de tratamentos “porque non son básicos”, negando a asistencia sanitaria a migrantes “porque non teñen papeis”, cousas que provocarán o empeoramento xeral da saúde das clases populares (aumento da mortalidade, pero tamén degradación das condicións de vida).

4

A educación pública, un dereito fundamental para garantir a capacidade dunha sociedade para limar as diferenzas sociais no actual sistema, está sendo ameazada e atacada co dobre obxectivo de favorecer á educación privada, que estimula uns valores afíns á Igrexa e a dereita máis conservadora, e asemade encamiña á educación pública a mera institución de caridade sen a capacidade de xogar o papel de ferramenta para permitir as clases populares adquirir unha formación de calidade. Igualmente, na educación superior estase a producir unha evolución cara o que poderíamos chamar capitalismo académico, onde as universidades xogarían simplemente a función de extensións das grandes empresas na súa procura tanto de beneficios coma implantación dos seus valores a través dunha educación domesticada.

5

Peor servizo, peores condicións de traballo e unha maior factura para nós supón a privatización do lixo, dos transportes, que terá a súa próxima parada na desaparición (liberalización) do ferrocarril público cando así o estime apropiado a UE; o pouco que quedaba das caixas de aforros, que foron progresivamente desmanteladas ata poder ser absorbidas pola banca privada; a cultura, abandonada polos poderes públicos á lei do mercado o que impedirá o acceso á maioría da poboación.

 

QUE PODES FACER TI?

Estes sectores están sendo privatizados; outros xa o foron. A defensa dos servizos públicos que nos quedan (ou os que nos quedan deles) pasa pola presión social, polo combate nas rúas. O modelo de sociedade no que vivimos dependerá da nosa capacidade de defendelos. Como conquista acadada a través da loita, os servizos públicos son un elemento do sistema que compre defender a calquera custe.

1

DESCARGA O Folleto_Xaneiro AQUÍ

Tags: , ,


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!