Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Xuño: a industria agroalimentaria

21/05/2013
By

Industria encargada da elaboración, transformación, preparación, conservación e envasado dos alimentos de consumo humano e animal.

3
CALES SON AS CIFRAS GLOBAIS ACTUAIS  SOBRE A PRODUCIÓN DE ALIMENTOS?
Dende os anos 60, coa chamada Revolución Verde, a produción de alimentos multiplicouse por tres, mentres que a poboación mundial duplicouse.  Segundo este patrón de crecemento da produción de comida por un lado e persoas por
outro, suporiamos que a fame no mundo debería de ter sido superada fai tempo. E o certo é que, neste momento, producimos alimento para 12 mil millóns de persoas; pero mil millóns, dos 7 mil que habitan o planeta, pasan fame.

2
POR QUE SE PRODUCE A FAME?
A pesar do que podemos ver, ler e escoitar nos medios de comunicación de masas, a fame sistémica non é o resultado de desgraciados e incontrolados fenómenos meteorolóxicos, guerras ou un problema de carácter xeográfico inherente a territorios concretos. A condena á fame de mil millóns de persoas ten que ver, directamente, coa taxa de beneficio do gran capital e as políticas que os estados e as institucións do capitalismo global desenvolven para protexela. A xente pasa fame, morre de fame, por razóns políticas.
As políticas agrícolas da UE (a PAC, que consume preto do 40% do presuposto europeo) e de EEUU están centradas na subvención á produción das multinacionais para que poidan vender baixo prezo de custo nos mercados do sur. O resultado destas medidas proteccionistas do norte son devastadoras e así, por exemplo, no maior mercado agrícola de África, o de Dakar, é máis barato mercar produtos europeos que os producidos no propio Senegal, o que condena á desaparición dos pequenos agricultores locais, cuxas terras son, nunha nova fase de colonización, adquiridas por esas mesmas multinacionais para explotalas segundo os intereses dos mercados do norte. O acaparamento das mellores terras nos países do sur dá lugar a situacións ilóxicas e homicidas, como a utilización de terras fértiles etíopes para a plantación de flores para poder ofrecer prezos baixos nos cemiterios e san valentíns do norte durante unha crise alimentaria que producirá decenas de miles de mortes na rexión. Polo ben do capitalismo e para cumprir co desexo de prezos baixos dos consumidores do norte, unha parte importante da poboación mundial perde o dereito a comer e, incluso, a beber, pola privatización dos recursos hídricos (incluso da auga da chuvia, como ocorreu en Bolivia no ano 2.000).
No capitalismo os alimentos só teñen razón de ser coma mercancía. Polo tanto, o fin esencial da industria alimentaria non é dar de comer as persoas, senón satisfacer as necesidades do mercado de intercambio de mercancías, o que quere dicir que, se un alimento non serve como mercancía, entón non ten valor, non ten utilidade. Destruír colleitas, tirar comida ao lixo ou, incluso, pagar por non cultivar ten sentido para o capitalismo. Forma parte da súa lóxica.
• Por outro lado, o control que as multinacionais teñen sobre a produción de alimentos vai en incremento. A partir da Revolución Verde, durante as décadas dos anos 60 e 70, os xigantes da alimentación non só conseguiron multiplicar a produción (aínda que en ningún caso orientada ao abastecemento da poboación, senón ao abaratamento dos custos, como viamos máis arriba), senón que avanzaron nun dos seus obxectivos estratéxicos fundamentais: a privatización das sementes. Mediante a expansión duns poucos e novos cultivos industriais (a través de fortes campañas destinadas a facer un mercado de alimentos homoxéneo, no que unhas poucas especies foran as aceptadas polos consumidores) e apoiados no sistema de patentes, o capitalismo logrou arrebatar a gran parte do campesiñado a capacidade para gardar as sementes de sementeira, e dominar así completamente a produción. Hoxe en día, o mercado das sementes está monopolizado por dez empresas que controlan o 70% do mercado.
• Existe outro problema relativo á industria alimentaria: as granxas industriais. En esencia, as granxas industriais, tanto as destinadas a carne como a outros produtos derivados de animais (ovos e leite, principalmente), asume o principio de redución de custes ao mínimo. O sistema de produción animal ignora de forma sistemática custes coma a degradación ambiental (o 20% dos gases de efecto invernadoiro son emitidos pola industria gandeira, máis que todo o tráfico rodado do mundo), as enfermidades humanas (o emprego masivo e descontrolado de antibibióticos para acelerar o crecemento xera resistencias das enfermidades aos medicamentos e, polo tanto, compromete a nosa capacidade de defensa contra as mesmas) ou o sufrimento animal (o “estrés animal”, eufemismo da industria para facer invisible o sufrimento de cara aos consumidores). En xeral, o sistema que nos prové o alimento animal consiste en calcular ata que punto poden achegar cara á morte aos animais sen matalos. Como crialos rápidamente, como aloxalos no mínimo espazo, o máximo e mínimo que poden comer, o enfermos que poden estar sen morrer (ou polo menos un porcentaxe deles que poden morrer sen afectar aos beneficios da industria). E no caso da industria pesqueira, o trato a que se someten os recursos de pesca (tamén chamados peixes) é o mesmo que se se tratara de plantas de obxectos sen vida, tanto na captura en estado salvaxe (sen contar coa morte masiva de peixes e outras especies que son botadas de volta ao mar por non ter valor como mercancías), como nas aberrantes condicións de vida que sofren nas piscifactorías.

 

1
E TI QUE PODES FACER?
Acabar coa fame e a crueldade animal esixe democracia e xustiza nas políticas agrícolas e ali-mentarias e apostar por un modelo de agricultura de proximidade, no que os consumidores teñan unha participación activa (coñecer o que comemos e como se produce). Devolver a capacidade de decidir sobre a produción, a distribución e o consumo de alimentos. Por isto debemos guiarnos por un consumo responsable que se basee nunha produción alimentar que respecte e se axeite sempre á contorna natural e cultural na que se desenvolve, e no que fomentemos a protección dos dereitos das especies.

Descarga o pdf. aquí: 2013-06_Mesa informativa


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!